Tim Berners-Lee

Berners-Lee é o director do World Wide Web Consortium (W3C) que el mesmo fundou en outubro de 1994 para supervisar e estandarizar o desenvolvemento das tecnoloxías sobre as que se fundamenta a Web e que permiten o funcionamento de Internet. É tamén o fundador da World Wide Web Foundation, ademais de investigador sénior e titular da cátedra 3Com no Laboratorio de ciencia computacional e intelixencia artificial do MIT (CSAIL). É un dos directores da Web Science Research Initiative (WSRI), e un dos membros do consello consultivo do Centro para a intelixencia colectiva do MIT. En 2011 foi nomeado membro do consello de administración da Fundación Ford. É un dos fundadores e presidente do Open Data Institute e asesor da rede social MeWe.
En 2004 foi nomeado pola raíña Isabel II Cabaleiro da Orde do Imperio Británico polo seu traballo pioneiro. En abril de 2009, foi elixido membro estranxeiro da Academia Nacional de Ciencias dos Estados Unidos. A revista Time incluíno na lista dos 100 personaxes máis importantes do século XX. Foi honrado como o inventor da ''World Wide Web'' durante a cerimonia de apertura dos Xogos Olímpicos de 2012 en Londres, na que interveu traballando cun vello ordenador NeXT co que tuiteou a frase "This is for everyone" (isto é para todos) que apareceu instantaneamente nas pantallas de cristal líquido dos 80 000 asentos do Estadio Olímpico de Londres.
En 2002, xunto con ''Lawrence Roberts'', ''Robert Kahn'' e ''Vinton Cerf'', Berners-Lee recibiu o ''Premio Príncipe de Asturias de Investigación Científica e Técnica'', pola súa contribución o desenvolvemento de Internet e a World Wide Web. En 2004 levou o Millennium Technology Prize, que lle reportou un millón de euros; e en 2016 o Premio Turing "pola invención do World Wide Web, o primeiro navegador web, e os algoritmos e protocolos fundamentais que permiten o acceso á web", entre os que destacan a Linguaxe HTML (HyperText Markup Language) ou linguaxe de etiquetas de hipertexto, o protocolo HTTP (HyperText Transfer Protocol) e o sistema de localización de obxectos na web URL (Uniform Resource Locator). Provided by Wikipedia